Unha pequena ferramenta que busca as ligazóns do vídeo/sub para todos os episodios dun programa determinado dentro da web da TVG Á Carta e as plataformas da OTT Interactvty da TVG (AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarin.gal).
Tes que indicarlle a ligazón da páxina do programa que queres baixar. Estes son os tipos de ligazóns admitidas:
Para non sobrecargar o servidor, a ferramenta buscará só as 5 primeiras paxinas de resultados ou, o que é o mesmo, os 25 primeiros capítulos xa que cada páxina ten 5. No caso de querer obter as ligazóns dos capítulos seguintes (sempre en bloques de 50), só tes que premer o botón Seguinte páxina que aparece na parte baixa dos resultados. Se queres ir directamente a unha páxina concreta, existe o campo Páxina de comezo, pero só funciona nas paxinas da TVG Á Carta. Para facer o mesmo nas páxinas Interactvty só tes que indicarlle a ligazón do capítulo a partir do cal queres xerar as ligazóns.
Se marcas a opción Incluír data, engadirase a data de emisión do programa no nome do ficheiro. Útil para os casos onde a páxina da TVG non indica o número de capítulo. A data amosarase en formato inverso ao habitual, é dicir Ano-Mes-Día, o que permite que os episodios conserven a orde de emisión ao ordenar alfabeticamente os ficheiros. No caso de que a páxina non proporcione a data dos capítulos, engadirase en troques da data o número de elemento dentro da lista. Non debe confundirse co número de episodio real da serie, e só esta aí para conservar a orde de emisión ao ordenar alfabeticamente os ficheiros.
A opción Numero de capitulo de comezo só se usa nas páxinas Interactvty cando non proporcionan a data do capítulo, para especificar por cal número de capitulo queremos que empece a numeración.
Cada busca devolverá como resultado unha serie de ligazóns HTTP, pero para poder descargalas non serve un navegador normal, necesitas os programas JDownloader ou FFMPEG+wget.
Malia que poderías engadir directamente esas ligazóns ao JDownloader para que as descargue, rematarías cunha man chea de vídeos con nomes xenéricos e nada descritivos. Por iso é conveniente configurar o JDownloader para que os ficheiros que descargues teñan o nome correcto. Para funcionar ben, teremos que crear unha nova regra no empaquetador. Para iso será necesario ir a Opcións > Empaquetador > Engadir. Na fiestra que se abre teremos que encher os seguintes campos como se indica a continuación:
Estes pasos funcionarán con ligazóns da paxina de TVG Á carta, pero non para as de Interactvty. Para facer funcionar estas últimas, teremos que crear outra regra do empaquetador seguindo os mesmos pasos, só que no campo Fonte(s) URL usaremos en troques o texto flumotion\.cloud.*?#(.+)
Para poder baixar os subtítulos hai que crear outra regra co texto progressive\.codev8\.net.*?#(.+)
Xa tes o JDownloader configurado e agora o único que tes que facer e engadir ás ligazóns e verás como se lle asigna o nome correcto a cada ficheiro. Agora só resta poñer a descargar as ligazóns.
Si, a CRTVG engadiu medidas que restrinxen o acceso a contido de produción allea a unha rexión en concreto, que actualmente está limitada a España. Dado que o servidor está fóra de España, non pode acceder a este tipo de contidos e polo tanto non pode xerar as ligazóns. Se tes dispoñible un PC localizado en España, mira o seguinte apartado para unha posible solución.
Si, está dispoñible con licenza GPLv3 nesta ligazón: código fonte de BuscaNaCarta.
Para executalo no teu propio PC, necesitas usar un servidor web PHP, como por exemplo XAMPP. Esta opción recoméndase cando se queren obter as ligazóns a contidos restrinxidos por xeolocalización ou cando se vai facer un uso intensivo do BuscaNaCarta, para evitar sobrecargar o servidor.